Rexenerando

Quen somos

Rexenerando é unha cooperativa sen ánimo de lucro que traballa no eido do social, fundada no ano 2014 no Golfo Ártabro e formada por un equipo multidisciplinar de mulleres. Traballamos con comunidades e grupos facilitando procesos de transformación social co obxectivo de rexenerar as vidas e os vínculos das persoas co mundo, con outras persoas e con eles mesmos.

Que facemos

Desenvolvemos proxectos propios e proporcionamos a outras entidades e empresas servizos integrais para desenvolver os seus: desde o deseño do proxecto ata a coordinación e execución. Especializámonos nestes tres eixos de acción que facemos tamén transversais en todo o noso traballo.

Facilitación de grupos e participación social

Área adicada á participación e acompañamento de procesos grupais, apoio ao desenvolvemento organizacional e deseño de proxectos de participación social e mediación comunitaria.

– Facilitación de espazos grupais apoiando espazos de toma de decisións, indagación e creación colectiva e xestión emocional
– Acompañamento de equipos de traballo
– Apoio ao desenvolvemento organizacional
– Deseño de procesos participativos inclusivos
– Intervención e mediación sociocomunitaria
 -Formación para o traballo en colectivo
– Acompañamento en procesos creativos
– Educación para a participación con infancia e adolescencia

Área centrada nos xéneros, a identidade, a equidade, o empoderamento e a transformación das relacións para a xustiza social.

– Proxectos de coeducación: campamentos, obradoiros infantís e para adolescentes

– Formación para persoas adultas sobre comunicación inclusiva, historia dos feminismos, educación emocional, educación afectivo-sexual ou empoderamento colectivo

– Plans e programas de igualdade para entidades e administracións públicas

– Proxectos de participación social vinculados á posta en valor da memoria, os coñecementos e a experiencia das mulleres

Área vinculada á cultura e a dignificación dos territorios, desde as disciplinas da historia, a educación ambiental e a divulgación das memorias subalternizadas. O obxectivo é que as persoas comprendan e valoren os espazos que habitan e se comprometan no seu coidado e xestión.

– Roteiros históricos interpretados

– Proxectos educativos de posta en valor do territorio e os seus recursos

– Procesos participativos vinculados co urbanismo e a arquitectura

– Investigación social e comunitaria e mapeos colectivos

– Proxectos de creación artística e reflexión crítica

– Obradoiros de memoria colectiva

– Produción de xornadas divulgativas e participativas

O noso equipo

quen somos en rexenerando Andrea Rico

Andrea Rico

Estudei Educación Social e Pedagoxía, convencida das posibilidades da educación para transformar o mundo. Teño experiencia en deseño e execución de proxectos de intervención socioeducativa, en ámbitos diversos como a igualdade, a educación ambiental ou a formación de persoas adultas. Apaixóname traballar con grupos, acompañármonos na construción colectiva de condicións de vida máis xustas e sostibles. Para poder abordar toda esa complexidade, levo anos formándome de xeito continuo en ferramentas e habilidades para a xestión e facilitación de grupos. Desde 2018 formo parte do Instituto de Facilitación e Cambio (IIFAC-E). Son socia de Rexenerando, onde coordino a área de Facilitación de grupos e participación social.

 
Pandeireteira e historiadora da arte, as miñas paixóns son a memoria colectiva e o apego ao lugar. No eido cultural, formeime en Servizos Culturais e Educación e Museos. Creo na potencia do común e a creación colaborativa, así que nos últimos tempos estoume especializando na Xestión e Facilitación de Grupos e en ferramentas de facilitación gráfica. Teño experiencia desenvolvendo proxectos educativos con infancia e adolescencia, e apoiando procesos participativos relacionados co territorio e o urbanismo. Son socia de Rexenerando, e coordino a Área de Cultura, memoria e territorio.
 
Captura de pantalla 2024-12-10 113903

Martín V. Añel

O neto da Cándida. Nun proceso de (de)construción que non remata grazas as aprendizaxes dos activismos LGBTIQ e a miña formación como sociólogo na Universidade da Coruña, cidade da que son veciño dende o cambio de milenio. Teño máis de 10 anos de experiencia en investigación social e coordinación de proxectos nos ámbitos da igualdade de xénero, a inclusión da diversidade e a participación cidadá, tanto dende a consultoría privada como dende o asesoramento técnico ás administracións públicas. Nunha aposta por poñer a vulnerabilidade no centro e recoñecer a nosa interdependencia continúo formándome en facilitación de grupos e mediación. As metodoloxías de investigación e a innovación social son outros dos meus intereses. Son socio de Rexenerando, onde coordino a área de Xéneros e identidade.

Marcos Abalde

Son socio colaborador de Rexenerando. Formeime en Filoloxía Románica e Galega e nun posgrao en Servizos Culturais. Son poeta e dramaturgo e teño tamén experiencia en docencia, xestión e deseño de programas culturais. Na actualidade dedícome á docencia, mais continúo a colaborar con Rexenerando na asesoría de proxectos que teñen que ver coa activación de falantes para o galego e a recuperación de memorias subalternizadas, dous dos ámbitos cos que me sinto máis comprometido.

Traducir