Os nosos proxectos
APODERAMENTO LINGÜÍSTICO Ferramentas desde a Ed. Social
Facilitación e participación social / Memoria e Territorio
PRAIA VIVA
Memoria e territorio
TECENDO LITORAL
Memoria e territorio
GABINETE DE IMAXINACIÓN POLÍTICA
Facilitación e participación social
PACTO SOCIAL CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS
Xénero e identidade
O NOSO PATIO
Facilitación e participación social
PROCESO PARTICIPATIVO SOBRE O USO DO PARQUE DE BENS
Facilitación e participación social
Enraizadas (2021)
Desenvolvemos tarefas de coordinación, produción, guión e dinamización do acto de presentación.
Foro da mocidade (2021)
O Foro da mocidade é un proxecto de fomento da participación cidadá e os valores democráticos dirixido á poboación moza. Desenvolvémolo para o Concello de Sada, coa participación de alumnado dos IES da vila. Consta de sesións de obradoiro en aula onde identificar as necesidades da mocidade e darlle forma a propostas para o seu concello, e un espazo final de Pleno con representación municipal no que trasladar estas ideas.
Desenvolvemos tarefas de coordinación, produción, guión e dinamización do acto de presentación.
Memoria activa (2020)
“Memoria activa” é un programa do Concello de Bergondo enmarcado nas actividades de envellecemento activo. Trátase dun obradoiro de estimulación cognitiva a partir da memoria colectiva e o patrimonio inmaterial, dirixido a persoas maiores. A través de sesións semanais nas diferentes parroquias do municipio, facemos diferentes dinámicas para activar as lembranzas da historia da parroquia. Co material recollido xeramos diferentes formatos de devolución social, cos que manter vivo o diálogo interxeracional no territorio.
Desenvolvemos tarefas de deseño e execución dos obradoiros.
Apoderamento lingüístico. Ferramentas desde a Educación Social (2020)
“Apoderamento lingüístico. Ferramentas desde a Educación Social” é un obradoiro dirixido a alumnado do Grao de Educación Social, e deseñado para a UDC. A través de dez horas de formación, que combinan teoría con exercicios prácticos e vivencias, búscase sensibilizar aos futuros e futuras educadoras sociais da importancia do seu rol no apoio da activación de falantes nunha lingua minorizada coma o galego. Pártese da súa experiencia no ámbito familiar e social para entender os estereotipos e prexuízos lingüísticos, e remátase deseñando un proxecto piloto que integra a intervención social e a normalización lingüística.
Desenvolvemos tarefas de deseño e execución da formación.
Escola de Participación Cidadá de Narón (en curso)
A Escola de Participación Cidadá de Narón é un espazo de relación entre a veciñanza e o Concello. Comprende un conxunto de accións que buscan apoiar o tecido asociativo do municipio e fomentar a participación cidadá. Estes elementos son atención cidadá continuada, os Consellos Territoriais, a plataforma www.naronparticipa.es, o programa educativo Plenos Escolares, formación e xornadas e eventos de cohesión do tecido asociativo.
Desenvolvemos tarefas de coordinación, comunicación, formación, facilitación e asesoramento.
Ferrol con Carvalho Calero (2020)
“Ferrol con Carvalho Calero” é un roteiro para descubrir a figura de Ricardo Carvalho Calero, homenaxeado nas Letras Galegas 2020. A través das súas paradas coñecemos os espazos de vida deste ilustre ferrolán, achegándonos ás súas vivencias, a súa obra e o seu pensamento, para entender a súa grande achega á cultura galega.
Está dirixido a público xeral e grupos de ESO e Bacharelatos.
De fronte (2020)
Campaña e programa de actividades de sensibilización fronte a violencia de xénero, impulsada pola Deputación da Coruña con motivo do 25N. Apóiase na adhesión dos concellos da provincia e outras entidades do tecido social e empresarial ao manifesto da campaña, xerando unha rede de administracións comprometidas coa igualdade de xénero. Compleméntase con recursos e actividades online para todos os públicos, cos que continuar sensibilizando fronte as desigualdades e a violencia de xénero.
Todos os materiais da campaña poden ser consultados en www.defronte.gal.
Levamos a cabo a coordinación do equipo e o proxecto, a xestión da adhesión dos concellos e entidades, e a elaboración dos textos para a difusión. Colaboramos coa cooperativa MAOS Innovación Social na parte da comunicación.
Seis cafés (2020)
Seis cafés é un proxecto de intervención sociocomunitaria e etnografía feminista desenvolvido para o Concello de Bergondo entre setembro e novembro de 2020. Nel, exploramos o tema dos coidados a través de entrevistas a veciñas maiores do municipio, visibilizando a relación histórica das mulleres co mundo reprodutivo, denunciando a inxusta carga que puido supoñer nalgúns momentos da súa existencia e aprendendo de todos os saberes invisibles que atesouran.
Estas entrevistas, así coma as metodoloxías e conclusións do encontro virtual Coidatopías, compoñen a publicación de Seis cafés.
Levamos a cabo a coordinación do proxecto, o deseño, e a súa execución.
Bergondo en feminino (2019)
Proxecto de visibilización de mulleres históricas do Concello. No outono do 2019 desenvolvemos unha investigación participativa con axentes locais. Nela, a través da consulta de documentación e de entrevistas á veciñanza, tentamos rescatar a historia das mulleres de Bergondo; das pioneiras, das esquecidas, das invisibles, das rebeldes, das que abriron camiño.
Os resultados da investigación foron compartidos nun roteiro aberto e unha publicación.
Levamos a cabo a coordinación do proxecto, o deseño, e a súa execución.
Medrando en igualdade (2019)
Medrando en igualdade é un proxecto de coeducación enmarcado no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Consta dun obradoiro para familias e profesorado, no que identificar os estereotipos de xénero na crianza, e transformar estas actitudes; e un obradoiro infantil, no que achegarnos aos estereotipos no xogo e nos contos. Pode incluír tamén unha sesión de traballo con axentes locais fóra da comunidade educativa, na que trasladar os principais contidos e artellar propostas de acción inclusivas para os diferentes ámbitos.
Desenvolvemos este proxecto coas ANPAS dos CEIP Couceiro Freijomil e Sanjurjo de Carricarte. Levamos a cabo as tarefas de coordinación, deseño, e execución dos obradoiros.
Machismos sen miopías (2019)
Proxecto de sensibilización contra a violencia de xénero, enmarcado na campaña da Deputación da Coruña para o 25 de novembro. Componse de cinco obradoiros e unha publicación, cos que traballar a prevención, identificación e sensibilización das diferentes formas de violencia machista. Os obradoiros constan dunha primeira sesión teórica e de reflexión, e unha segunda para compoñer a Mostra das Violencias Invisibles. Céntranse nos seguintes temas: consumo, historia, lingua, sexualidade e saúde.
Desenvolvéronse nos concellos de Ordes, A Laracha, Sada, Fene, Betanzos, Boiro, Noia, Padrón, Teo e As Pontes. Cos obxectos compartidos nas dez Mostras das Violencias Invisibles xeramos o Catálogo Machismos sen Miopías.
Levamos a cabo a coordinación do proxecto, o deseño das accións, e a súa execución.
Artefactory (2019)
Proxecto de sensibilización contra a violencia de xénero, enmarcado nas accións do Pacto de Estado. O seu obxectivo foi contribuír a reflexión social para identificar, carnalizar e transformar as violencias a través da creatividade feminista. Para isto, constou dunha Mostra das Violencias (In)Visibles; a Factoría creativa, obradoiros vivenciais e artísticos con Mónica Otero, Mariola Mourelo, 7H Cooperativa Cultural, Estela Iglesias e Marián Bañobre; o Des-catálogo feminista; intervencións urbanas; e un roteiro.
Levamos a cabo a coordinación xeral das actividades, desenvolvemos o obradoiro vivencial e o roteiro, e facilitamos as sesións colaborativas.
Docuemental Ferrol Rebelde (2018)
“Ferrol Rebelde. Cen anos de historia obreira” é un documental que recolle algúns dos principais fitos da historia obreira ferrolá. Parte da experiencia dos roteiros, e co mesmo formato de paseo pola cidade, presenta entrevistas a persoas con relacións diversas con este relato. Foi presentado na gala “Dereito a coñecer, deber de recordar” no Teatro Jofre, en novembro do 2018.
Diriximos e producimos o documental, que contou coa realización de Pablo Cayuela, da cooperativa NUMAX.
Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Sanxenxo (2019)
Proceso participativo para a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) do Concello de Sanxenxo, en colaboración con Terravanza. Desenvolvemos as tarefas asociadas á comunicación e participación cidadá, a través de enquisas, encontros sectoriais, territoriais e abertos nos que recoller información e trasladar os avances da proposta.
Memoria dun século (2016-2020)
Programa de historia oral e saúde comunitaria dirixido a persoas maiores, que ten como obxectivo elaborar o relato de cen anos de historia dunha parroquia, ao tempo que se xera un espazo de cohesión social e se traballa coa memoria individual. Desenvólvese ao longo de entre seis e nove sesións, cada unha centrada nunha temática específica. Nalgunhas edicións, coma o caso de Soaserra, San Martiño do Porto e Regoela (todas parroquias de Cabanas), o relato é compartido nunha publicación.
Neste proxecto, as nosas tarefas van desde o deseño até a execución das sesións e elaboración da publicación.
Camiños escolares seguros (2019)
Proceso participativo para deseñar rutas seguras ao colexio e fomentar a mobilidade sostible. Desenvolvémolo no CEIP Ramiro Sabell de Ponteareas, e no IES Pintor Colmeiro de Silleda, en colaboración coas arquitectas Natalia Campos e Alejandro F. Palicio. Traballamos co alumnado, o profesorado, as familias, e a comunidade local, para deseñar unha proposta de intervención urbana e un plan de dinamización.
Malas linguas (2019-2020)
Xornadas orientadas a persoas do ámbito da normalización lingüística, co obxectivo de amosar referentes, promover o traballo interdisciplinar e en rede, e renovar o argumentario das políticas públicas en relación ao galego. Na edición de 2019 contamos con máis de 30 relatoras locais e internacionais para abordar ao longo de catro sesións os seguintes temas: Lingua, discurso e políticas públicas; Lingua e memoria; Lingua, infancia e mocidade; Lingua e xéneros. A de 2020 desenvolveuse de maneira virtual, baixo os temas Boas prácticas para as linguas minorizadas do Estado, e Revitalización lingüística en linguas ameazadas.
Desenvolvemos tarefas de coordinación, produción do evento, e moderación das conferencias e espazos participativos.
Do conflito ao soño (2018)
Esta formación está dirixida ao profesorado co obxectivo de reforzar as súas habilidades docentes, dotando de ferramentas para xestionar os desafíos que as profesionais da educación encaran dentro e fóra da aula. As sesións están facilitadas por Anna Pujol e Lucía Suanzes.
Ondas de ilusión (2018)
Este programa ten como finalidade dar a coñecer nas escolas os valores do litoral do Golfo Ártabro Norte. A súa misión é achegar a infancia á cultura mariñeira, á riqueza dos recursos naturais e ás artes e tradicións pesqueiras da súa contorna, xerando unha relación de respecto co medio mariño na que os nenos e nenas entenden o seu papel no equilibrio ambiental
Ferrol coas Irmandades da Fala (2016-2018)
O roteiro ‘Ferrol coas Irmandades da Fala’ ten como obxectivo dignificar a memoria da cidade e salientar a súa grande achega á cultura galega, difundindo o fenómeno cultural e político das Irmandades da Fala. Un paseo para pensar a cidade desde lugares, fitos e persoas que marcaron o seu devir no primeiro terzo do século XX.
Ferrol rebelde (2016-2018)
O roteiro ‘Ferrol rebelde’ ten o obxectivo de dignificar a memoria da cidade e a súa historia obreira, difundindo a importancia do movemento obreiro ferrolán entre o 1871 e o 1972. Un paseo para pensar a cidade desde os lugares, fitos e persoas que deixaron pegada na loita polos dereitos laborais e sociais en Ferrol e no conxunto do país.
Campamento Concello Valdoviño (2015-2018)
‘Concilia’ é un programa de conciliación laboral e familiar que se celebra nos meses de verán. Nel xérase un espazo de crecemento para nenos e nenas apoiado na educación emocional, a coeducación e o apego ao lugar. Está dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos.
Dillo ti (2017-2018)
O programa Dillo Ti é un espazo de comunicación directa entre a veciñanza dos barrios da cidade e mailo alcalde e o equipo de goberno. Nel, Rexenerando leva a cabo a difusión e mediación previa con entidades veciñais e outros colectivos, para garantir que contan con información de calidade.
Ao vivo (2017-2018)
Os encontros ao vivo son espazos de comunicación directa entre a cidadanía e a corporación municipal, que teñen como obxectivo conversar coa veciñanza e as asociacións dos barrios e parroquias sobre aquelas cuestión que lles afectan, atendendo as súas prioridades, demandas e problemáticas. Estes espazos de relación directa son posibles grazas á mediación, que facilita un diálogo diverso e regulado en tempos e quendas de palabra.